Punto e Volta é un proxecto audiovisual online que pretende radiografiar a situación da música tradicional galega a través das historias, das pezas e dos bailes das súas protagonistas. Elas son as nosas informantes: desde as persoas que aprenderon a cantar e a bailar no seo das súas comunidades até a rapazada que vive as foliadas como o mellor momento da semana, das profesoras que levan décadas recollendo e ensinando aos vellos que se están a iniciar, agora, no mundo da pandeireta.

En setembro de 2016 comezamos percorrer as aldeas e os barrios do país co obxectivo de explorar as mudanzas que experimentaron as nosas músicas de raíz: a evolución dos xeitos de transmisión, o por que da ruptura xeracional, a súa función social... Queremos saber se os roles de xénero propios da tradición se seguen a perpetuar nas escolas, entender de que xeito o ensino condiciona a evolución da nosa música, descubrir se hai espazo para crear e abrir novas vías a partir do legado cultural que nos deixaron. Tamén nos interrogamos acerca do papel da administración e abrimos de novo o vello debate dos arquivos como patrimonio individual ou social e colectivo.

Animámosvos a que compartades as pezas e os bailes que aquí vos traemos, a que creedes a partir do noso traballo, a que discutades nas escolas os puntos de vista dos nosos entrevistados, a que vaiades recoller máis contos e novas músicas, a que vós mergulledes neste mundo se aínda non facedes parte del.

Nós, canto máis sabemos máis queremos saber. E a pesar das moitas preguntas que van xurdindo, cada vez temos máis claro o valor deste regalo que nos fixeron as nosas vellas e os nosos vellos e a responsabilidade que recae na nosa xeración á hora de manter aceso este lume. Que as que veñen detrás sigan quencendo, coma nós, á súa beira.

 

Sobre nós

Olaia Tubío

Olaia Tubío

Nada en Rois en 1994. Licenciada en Xornalismo e estudante de Antropoloxía. Comecei a bailar en OCT Chorima (Rois), continuei na Gentalha do Pichel e, actualmente, bailo e toco a pandeireta na Asociación VivAntes.

David Fontán

David Fontán

Nado na Coruña en 1992. Graduado en Xornalismo e Historia. Inicieime como percusionista en Cántigas da Terra. Logo, xa en Santiago, fíxenme bailador na Gentalha do Pichel, formeime como gaiteiro en aCentral Folque e Ultreia e toquei a pandeireta na escola VivAntes.

Raquel Pérez

Raquel Pérez

Nada en Santiago de Compostela no 1993. Graduada en Xornalismo. Comecei a bailar entre a Gentalha do Pichel e a Asociación VivAntes, onde tamén toco a pandeireta dende fai tres anos.

Alejandro Gándara

Alejandro Gándara

Nado en Baio no 1993. Graduado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, aprendín a tocar a pandeireta e a bailar na asociación VivAntes e a Gentalha do Pichel de Santiago. Na actualidade continúo a aprender no Centro Social Gomes Gaioso da Coruña.

 

Proxecto financiado pola bolsa Nacho Mirás de Novos Xornalistas