Dá unha volta polo noso arquivo...

Ou primeiro bótalle un ollo a este texto sobre como funcionan as nosas etiquetas...

 
Como podes ver, no menú de Punto e Volta os vídeos divídense en dúas categorías xerais. Por un lado as entrevistas e por outro lado músicas e bailes. Na sección entrevistas os vídeos agrúpanse polos nomes das persoas entrevistadas.

As entrevistas foron divididas en fragmentos, o título de cada unha é un pequeno resumo do tema do que nelas se fala. Cada un dos vídeos pódese enmarcar nunha das cinco temáticas que sempre tratamos ao longo das entrevistas. Empregándoas no buscador poderedes peneirar os vídeos. Estas son:

Aprendizaxe e transmisión: De que xeito aprendeu a persoa entrevistada? Parou algunha vez de tocar ou bailar? Se é así, por que o fixo? Tamén preguntamos a mestras para coñecer a súa opinión sobre a aprendizaxe en escolas ou asociacións e de que formas se podería mellorar e incluso regrar o ensino.

Arquivos: Falamos das recollidas con aquelas persoas que as fixeron e coas informantes. Ademais introducimos o debate sobre se os arquivos de gravacións de música tradicional poden permanecer pechados ao público ou deben ser abertos, e de que forma se poderían abrir.

Xénero: Outra das temáticas que analizamos coas entrevistadas é o papel da muller e do home na nosa tradición e, máis concretamente, no noso baile. De onde veñen os estereotipos de xénero? Deberíanse seguir transmitindo hoxe en día?

Tradición (mudanzas): A miúdo empregamos o termo “tradición” ou “tradicional” para referirnos á nosa música de raíz. Pero, que significa isto? É a tradición algo estático ou, pola contra, pode, ou incluso debe, mudar co paso do tempo?

Función social: Presente nas labores do día a día, como medio de socialización e creación de lazos, lúdica, artística... Cal é e cal foi o papel do baile e da música tradicional na sociedade galega?

Ademais, tamén podes procurar vídeos por lugar, tipo de música ou baile e polos nomes das persoas entrevistadas. Fedella!